DISCOGRAFÍA
Abe Rábade leva publicados 16 traballos discográficos, desde que no ano 2.001 debutara con Babel de Sons. As súas propostas conforman un variado abano de formatos: piano solo, trío, quinteto, sexteto, octeto e orquestra sinfónica.
Babel de Sons (2001) no selo Xingra.
Simetrías (2002) no selo Xingra.
GHU! Project vol. 1 (2004) en Nuba + Karonte Records.
Playing on Light -7 sounding photos (2006) en Nuba + Karonte Records.
Open Doors (2008)en Nuba + Karonte Records.
Piano Solo (2009) en Nuba + Karonte Records.
Zigurat (2010) en Nuba + Karonte Records.
A Modo (2012) en Nuba + Karonte Records.
Versons (2013) en Nuba + Karonte Records.
Tránsitos (2015) en Nuba + Karonte Records.
Once (2016) en Nuba + Karonte Records.
Doravante (2018) en Nuba + Karonte Records.
Piano Solo (2020) en Nuba + Karonte Records.
Sorte (2021) en Nuba + Karonte Records.
Botánica (2022) en Karonte + Karonte Records.
Tempo de Cor (2024) en Karonte + Karonte Records.
“Para Abe Rábade non existen barreiras culturais,
por iso é un dos músicos máis brillantes da escena do jazz nacional”
Carlos Lara, Tomajazz
TEMPO DE COR
Abe Rábade presenta o seu novo traballo, o décimo sexto da súa carreira, xunto coa súa habitual sección rítmica; Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería.
TEMPO DE COR, editado polo selo Karonte, é un disco temático sobre a psicoloxía da cor. Sete cancións orixinais inspiradas no poder evocador do vermello, o laranxa, o amarelo, o verde, o azul, o morado e o branco invitan ao oínte a deixarse bañar nun xogo sinestésico que combina son e imaxe mental.
Durante o proceso creativo, Abe contou coa colaboración da artista plástica Beatriz Sáa, que traballa a cor como textura e elaborou unha base pictórica que acompaña a obra na súa versión de gravación física, en soporte virtual e en escena.
O cineasta galego Alfonso Zarauza firma unha cautivadora versión audiovisual do primeiro sinxelo do disco; Ollada Serena.
“É posible que neste cruce espontáneo, nesa construcción precisa e inspirada do conjunto,
esta música abierta e veraz puido ser o mellor exemplo daquela semana [Festival de Jazz de Málaga] do que o jazz significou, significa e será”
Jesús Gonzalo, Tomajazz
ABE RÁBADE TRÍO
Abe Rábade Trio é un proxecto que nace en Boston no 1996, da man do propio Abe, de Paco Charlín e de Val Tzenkov.
Pouco despois se asentará en Galicia co seu primeiro disco "Babel de Sons" coa incorporación o trío de Ramón Ángel Rey.
Dende entón a carreira musical do conxunto non deixou de crecer, cunha chea de proxectos e discos as súas costas.
Na actualidade a formación está composta por Abe Rábade ó piano, Pablo Martín Caminero ó contrabaixo e Bruno Pedroso á batería, con xa seis proxectos discográficos editados conxuntamente. O último, Doravante, presentado no Festivaal de Jazz de Monterey (California, E.E.U.U.).
“A conexión entre a música clásica e o jazz era un dos ámbitos que Abe Rábade
tiña en mente desde fai moito e ao presentarse a oportunidade
afrontou o reto e o resultado [o disco Tránsitos, coa Real Filharmonía de Galicia]
non pode ser máis espectacular”
Blog Preso Ventanilla
OBRA SINFÓNICA
Abe Rábade cultiva desde hai anos a súa faceta como compositor para grande formato.
Estreou varias pezas para orquestra de jazz xa nos anos 90 no Berklee College, cando escribía para a Bigband dirixida por Greg Hopkins.
Na década de 2000 gravou dous orixinais para bigband coa René González Bigband nas Illas Canarias.
Na década de 2010 estreou as pezas Paseo dos Gafos e Vieiros de Luz para Banda Sinfónica, así como as obras Prana e Babel de Sons para orquestra de Jazz.
Tivo a oportunidade de recibir clases de Antón García Abril de 2012 a 2016. Este grande compositor supervisou as dúas estreas para orquestra sinfónica de Abe Rábade: Tránsitos (2015) e Tempos Velados (2018), ámbalas dúas coa Real Filharmonía de Galicia.
No ano 2021 escribiu un programa de música orixinal de hora e media para a Orquestra de Jazz de Espinho (Portugal), no que é o solista principal.
“O pianista compostelá nas súas décadas de búsqueda sempre inquieta nunca chegara tan lexos, en esplendor e. sofisticación, como con BOTÁNICA. Porque aquí a síntese non é so jazzística, senón tamén tradicional, folclórica e próxima a da música de cámara”
Fernando Neira, Undiscoaldía
VOCES HARMONIZADAS
A oralidade é, indiscutiblemente, unha das fontes máis ricas da expresividade humana. Tendo isto en conta, escoitar, imitar, transcribir (e chegado o momento interpretar en tempo real ou incluso harmonizar) fragmentos de oralidade supón un estudio a fondo de recursos expresivos, que acaba por ter un retorno espectacular na música “convencional”.
Isto foi ben sabido polo grande Hermeto Pascoal, un dos pioneiros desta técnica. El bautizou estas transcricións/harmonizacións co elocuente nome de “Aura da Voz”.
Abe Rábade leva feita unha experimentación neste campo desde o ano 2008. As pezas van do humorístico ao poético pasando polo reivindicativo, trascendente e aleatorio.
“O máis destacable da obra de Rábade é a labor formal, o traballo desenrolado motívico e a súa convivencia dunha maneira moi natural con momentos máis abertamente improvisados. Porque a música do pianista séguese comprendendo dentro dos términos do jazz, pero dun jazz moderno que bebe de músicas que teñen. resonacias tanto no góspel como na tradición jazzística e o folclore galego”
Juan Carlos Justiniano, Codalario
LORCA NAMORADO
O espectáculo Lorca Namorado foi estreado na Praza da Quintana de Santiago de Compostela o 30 de maio de 2019. O compositor e pianista Abe Rábade levou ao escenario unha persoal versión dos 6 Poemas Galegos de Federico García Lorca, única obra do xenial autor granadino escrita nunha lingua diferente ao castelán.
Lorca Namorado leva toques de xota, soleá, bulería e muiñeira vella. Un arrolo e unha balada-jazz completan os climas do espectáculo. Un pé na tradición galega, outro no flamenco e as mans no jazz, que sabe hibridar porque naceu grandiosamente impuro.
O proxecto presenta cancións a partir dos 6 Poemas Galegos, querendo respectar o ritmo delicioso que conecta cada verso cun toque propio de foliada ou de tablao. As melodías e contido harmónico xurdiron dun longo proceso creativo, o que leva saborear cada palabra deitada coas outras palabras do poemario.
EIVISSA JAZZ EXPERIENCE
Dende o ano 2006 Abe Rábade é o director artístico da Eivissa Jazz Experience, unha proposta moi orixinal do Festival Eivissa Jazz. Consiste en deseñar unha banda diferente cada ano, contando con músicos que participaran en calquera edición anterior do festival. O repertorio é sempre unha posta en común de todos os membros da banda, ensaiado soamente na véspera da actuación. Cada unha destas formacións “efémeras” da Eivissa Jazz Experience nace e morre polo tanto nunha edición do Eivissa Jazz, o que lles dá un atractivo único.
No 2016, Marco Torres Walker fixo o documental “Ibiza Jazz, the Experience”, onde se mostra o proceso de preparación e ensamblaxe da Eivissa Jazz Experience daquel ano.
“A conexión entre a música clásica e o jazz era un dos ámbitos que Abe Rábade
tiña en mente desde fai moito e ao presentarse a oportunidade
afrontou o reto e o resultado [o disco Tránsitos, coa Real Filharmonía de Galicia]
non pode ser máis espectacular”
Blog Preso Ventanilla
"A capacidade de Rábade para fusionar elementos do jazz coa música tradicional galega e a música de cámara é impresionante e amosa unha sólida comprensión da diversidade musical.
Botánica é unha viaxe musical engaiolante que leva ao oínte pola natureza e a tradición, ao tempo que explora a fusión de xéneros musicais. A riqueza da instrumentación, a inclusión de textos literarios e a habilidade do pianista /compositor, fan deste disco unha experiencia auditiva excepcional que deleita e sorprende en cada escoita."
Carlos Monje, Diario Folk