COMPARTIR

 

En 1965, o xenial Jobim compuxo unha peza instrumental chamada “Zíngaro” á que Chico Buarque decidiu pór letra. O poema captaba maxistralmente a esencia dunha interválica meandrosa que xa transmitía camiños poeirentos, sensacións nómadas e un claro ambiente de desamor (desgarradamente íntimo). O resultado rebautizouse como “Retrato em Branco e Preto”.

 

Esta foi a primeira colaboración entre eles dous e, eu quero ver naquela iniciática experiencia para Buarque o xerme da súa habilidade para formatar o fondo dunha letra coa música (escóitese a súa formidable peza “Construção” como a máis palpable evidencia).

 

Que dicir de Jobim… Valente no melódico, esencialmente caprichoso na estructura, económico nos recursos para os catedralicios resultados… un dos maiores coñecedores dos lazos entre unha determinada emoción e o conxunto equilibrado de notas que a retratan.

 

Son moi fan da versión cantada pola grande Elis Regina e, aquí nesta miña pequena homenaxe tento respectar con veneración a súa prosodia, aqueles seus acentos que xean o sangue: a dinámica lánguida do comezo e a carga dramática coa que sobe aos agudos.

 

Na segunda exposición da melodía fago un pequeno contracanto coa man esquerda citando outra obra mestra de Jobim: Insensatez.

 

Chámame moito a atención o moito de Brahms que ten a introducción desta versión de Regina & Jobim. Parece por un intre que comeza un daqueles potentes Cuartetos con Piano do alemán.

 

Xa por último, quérovos contar que me fixo lembrar esta marabillosa peza esta semana e me animou a montala: lendo o outro día a Sonata K18 de Domenico Scarlatti, unha das súas composicións máis marcadas polo cromatismo insinuante e ambiguo, pensei inmediatamente no “Retrato em Branco e Preto”. Encantaríame saber se Jobim coñecía unha Sonata que compartía o mesmo espírito interválico ambulante do seu zíngaro retrato en branco e negro.

 

 


COMPARTIR

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies