É a terceira peza de ‘Fuchsia Swing Song‘, álbum de debut do saxofonista Sam Rivers para o selo Blue Note en 1964.
O tema de 16 compases introduce dous rápidos bucles de acordes menores que debuxan o arpexio disminuído cos seus baixos: a primeira vez subindo e a segunda vez baixando. Entre estes dous ‘episodios cíclicos’ a harmonía pasa por unha progresión con dominantes alterados. Nos últimos catro compases hai un pequeno punto pedal antes de volver ao comezo con dous novos acordes menores movéndose por terceiras.
A melodía está composta por ‘meandros concisos’ que atravesan os acordes moi eficazmente. A rítmica é deliciosamente sincopada. Chama moito a atención o partido que lle saca ao motivo de dúas notas que transporta abrindo tres grandes ángulos interválicos no centro da peza.
Na harmonización de Abe Rábade -no rubato do comezo-, hai guiños aos seus admiradísimos Herbie Hancock e McCoy Tyner, os grandes renovadores -xunto con Chick Corea- do vocabulario harmónico no jazz. Comezaron, precisamente na década dos 60, a tratar máis coloristicamente a disposición de voces (primando intervalos de cuartas e segundas, xunto ás tradicionais terceiras). Despois expón a melodía xa a tempo e vai a un solo sobre a estructura, para voltar a unha reexposición do tema, novamente rubato.