Obra sinfónica

Obra sinfónica

TRÁNSITOS

(2015)

TEMPOS VELADOS

(2017)

OUTRAS ESTREAS INTERNACIONAIS

TRÁNSITOS

Foi estreada pola Real Filharmonía de Galicia e o Abe Rábade Trío o 30 de abril de 2015, baixo a dirección de Paul Daniel no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela, Galiza).

A obra volveuse interpretar en dúas ocasións:

FESTIVAL DE JAZZ DE PRIMAVERA DE OURENSE

O 1 de abril de 2015 no Festival de Jazz de Primavera de Ourense (no Auditorio de Ourense). A actuación desa noite do Abe Rábade Trío xunto á Real Filharmonía foi editada en CD+DVD por Karonte Records.

FESTIVAL DE JAZZ DE VALENCIA

O 12 de xullo de 2019 no Festival de Jazz de Valencia (no Teatro El Musical) coa Orquestra de València dirixida por Pablo Marqués.

CRÓNICA EN LA VOZ DE GALICIA

MENCIÓN NA WEB DA ORQUESTRA DE VALENCIA

A obra Tránsitos está escrita para Jazz Piano Trío e Orquestra Sinfónica.

A estructura consta de catro movementos, titulados:

I. Tránsito 1: Source

II. Tránsito 2: Deep Cycle

III. Tránsito 3: Jamal’s Mood

IV. Tránsito 4: Void

O obxectivo fundamental da obra Tránsitos foi profundizar na simbiose entre a música sinfónica e o jazz, sen renunciar á extraordinaria variedade tímbrica que ofrece a orquestra nin á creación musical en tempo real que ofrece un trío de Piano Jazz.

       Para que dous mundos se poidan fundir nunha aperta, é preciso que abran as fronteiras e renuncien ás súas certezas. O xesto valente das mans que emprenden ese encontro está marcado polo amor ao descoñecido, pola confianza na transformación e polo afán de explorar as vías que acabarán por nutrir aos dous corpos.

 

      Transitar os camiños que levan da dozura ao salvaxe, que unen a festa co dó, que comunican o claro co escuro é o cometido; unha viaxe que afortunadamente nos impedirá habitar a quietude da dozura, do salvaxe, da festa, do dó, do claro ou do escuro. Eles sós son asépticos, coa súa aburrida pureza… sen contraste, sen movemento, sen hipótese de cambio.

 

      Na danza dos contrarios, no impuro xuntoiro de elementos diversos adoita estar a música que mellor sabe. Pois ela nunca deixa de ocorrer nas nosas vidas. Ela volve en espirais eternas de tempo contrariado, deixando pousos de silencio en nós; unha resaca que revela a súa natureza tácita (e fai que por fin soe).

 

Notas orixinais ao programa de man

Abe Rábade

Compostela, abril de 2015

TEMPOS VELADOS

Foi estreada pola Real Filharmonía de Galicia, o Orfeón Terra a Nosa, o Coro de Nenos Da EMMS e Abe Rábade como pianista solista o 1 de xuño de 2017, baixo a dirección de Paul Daniel. Lugar: Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela, Galiza). 

A obra está escrita para Orquestra Sinfónica, Coro de Adultos a cinco voces, Coro de Nenxs a dúas voces e Piano (concertante coa orquestra, con algunhas intervencións improvisadas e unha cadencia entre o 2º e 3º movementos).

Tempos Velados dura aproximadamente 27 minutos e está escrita en catro movementos, titulados: 

I. Cantos falan por min

II. Amor sen límites

III. Chegarán suaves choivas

IV. Cando vaciles baixo o peso da dor

CRÓNICA EN LA VOZ DE GALICIA

A obra parte de catro poemas que foron musicados. Os textos son de 4 autores de épocas e lugares moi diferentes:

 

– “Cantos falan por min” é un poema do pai de Abe Rábade, Xesús Rábade Paredes, século XXI polo tanto.

– “Amor sen Límites” é da poeta xaponesa do século IX Ono No Komachi.

– “Chegarán Suaves Choivas” é da poeta estadounidense do século XX Sara Teasdale.

– “Cando vaciles baixo o peso da dor” é do poeta persa do século XII Omar Khayyham.

Os catro textos presentan un tempo irreal. Este risco en común é de feito a razón do título da obra: “Tempos Velados”. Esa irrealidade é respectivamente (poema a poema) o tempo da redención dun pobo, un tempo infinito, o tempo do fin da humanidade e o tempo da esperanza.

O coro mixto ten un peso fundamental en toda a obra.

O coro de nenos ten moita relevancia no 4º movemento e tamén participa no 2º con moito protagonismo.

Abe Rábade

Compostela, marzo de 2017

Para quen escolle mirar por el, agocha tamén o tempo tres dimensións: xesto, camiño e aroma.

 

O xesto é intuitivo. Escollelo ben e precisalo fai que o inmediato teña xenio, como unha miniatura fugaz que bebe pálpitos.

 

 O camiño conta a historia. Conduce os xestos de maneira consciente e lineal (por iso se adoita pensar que é o único tempo que existe).

 

 O aroma é un pouso calmo. Envólveo todo en espirais que vaporizan lentamente os nosos desexos máis profundos (e tamén os medos).

 
 

Notas orixinais ao programa de man

OUTRAS ESTREAS INTERNACIONAIS

PARA GRANDES FORMATOS

Maiéutica, Lady Finger e The Tunnel (para Orquestra de Jazz) foron estreadas coa BigBand dirixida por Greg Hopkins -no período académico de 1995 a 1999 no seo de Berklee College of Music- no Berklee Performance Center (Boston, EEUU).

 

Amor Ascensor e Motivos Majoreros (para Orquestra de Jazz) foron estreadas coa René González Jazz Orchestra baixo a dirección do propio Abe Rábade o 16 febreiro de de 2003 na Aula Magna da Universidad de La Laguna en Tenerife (Canarias).

 

Babel de Sons (para Orquestra de Jazz) foi estreada pola ESMAE Bigband baixo a dirección do propio Abe Rábade o 2 de decembro de 2014 na Casa da Música do Porto (Portugal).

CASA DA MÚSICA

Prana (para Orquestra de Jazz) estreouse coa Macao Bigband baixo a dirección do propio Abe Rábade o 12 de outubro de 2013 no Macao International Music Festival en Macao (China). 

27TH MACAO INTERNATIONAL MUSIC FESTIVAL

Cinco Fiestras (para Coro Mixto, Orquestra de Cordas e Oboe concertante) e Setes (para Orquestra de Cordas, Frauta e Piano concertantes) estreáronse co coro Concerto Tempo e a Orquestra de Cámara do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da EAEM de Santiago de Compostela o 27 de marzo de 2014 baixo a dirección de Maximino Zumalave no Auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela.

 

Paseo dos Gafos (para Banda Sinfónica) estreouse coa Banda de Música de Pontevedra baixo a dirección de Juan Lois Diéguez no Teatro Principal de Pontevedra o 22 de maio de 2014.

PONTEVEDRA VIVA

Vieiros de Luz (para Banda Sinfónica) estreouse coa Banda de Música de Lalín baixo a dirección de Juan Lois Diéguez no Auditorio Municipal de Lalín o 7 de febreiro de 2015.

LA VANGUARDIA