COMPARTIR

 

Abe Rábade publica o seu novo traballo discográfico SORTE no selo Nuba Records. É o seu álbum número 14 e está integramente conformado por composicións orixinais. Foi gravado co seu trío, un conxunto musical estable desde fai xa 12 anos: Abe Rábade ao piano, Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería.

 

 

 

O título do disco encerra o concepto a partir do cal se desenvolveron as ideas musicais, a estructura formal do traballo e incluso a posta en escea dos directos. Sorte é un tertmo que apela ao destino, ao colectivamente integrado, á revolución dun só elemento fronte a todas as outras posibilidades, á permanente (e a cotío torpe) persecución da realidade por parte da palabra. Tamén fai referencia aos métodos de adiviñación: por medio da apertura ao azar de libros (bibliomancia) e concretamente en Galiza a través da extrapolación do tempo atmosférico dos 12 primeiros días do ano aos 12 meses; as chamadas Sortes.

 

“A vida simplemente nos atravesa, aínda que a atemos cun xesto preciso á memoria.” 

 

Coa suxerente idea-forza da Sorte como “grupo de elementos que emerxeron por medio do azar” xorde un álbum con 12 composicións orixinais. Todas elas foron compostas nun prazo de tres semanas no 2018, de maneira completamente libre, sen ataduras estilísticas ou conceptuais previas. Foi só despois, tras observar cal era a esencia anímica de cada peza cando xurdíu cada un dos títulos. E a palabra-título á súa vez enriqueceu con novos matices (polas súas connotacións subxectivas que afloraron no compositor e nos intérpretes) a versión final das partituras, a súa abordaxe nos ensaios e director previos á gravación e, en definitiva, enriqueceu a produción artística no seu conxunto, a que o Abe Rábade Trío presenta neste traballo.

 

 

Cada peza do álbum, polo tanto, representa un estado de ánimo ou unha fonte magnética de inspiración. O abano estético do material vai desde a música clásica ao blues, pasando pola influencia da música tradicional de Galiza, a experimentación tímbrica de vangarda e, por suposto, os elementos interactivos e espontáneos dan propios do jazz. As pezas foron agrupadas de tres en tres, tomando prestado o xogo de forzas contrastantes e complementarias dos trípticos pictóricos.

 

E é así que a estructura de S O R T E consta de catro trípticos, cada un deles representando unha dimensión da sorte:

 

  • SORTE MÍSTICA: Orballo, Pálpito & Fluido.
  • SORTE ÉPICA: Ideas, Travesía & Victoria.
  • SORTE ÍNTIMA: Desencanto, Desexo & Lúa.
  • SORTE LÚDICA: Amencida, Calma & Retorno.

 

 

O disco foi gravado en Camaleón Estudio (Madrid) do 6 ao 8 de outubro de 2020 con Shayan Fathi como enxeñeiro.

Foi mesturado e masterizado por Mário Barreiros do 29 ao 31 de outubro de 2020 en Aguda (Portugal).

S O R T E é unha produción de Abe Rábade e Fernando Rosado para Nuba Records.

 


COMPARTIR