LORCA NAMORADO

O espectáculo Lorca Namorado foi estreado na Praza da Quintana de Santiago de Compostela o 30 de maio de 2019. O compositor e pianista Abe Rábade levou ao escenario unha persoal versión dos 6 Poemas Galegos de Federico García Lorca, única obra do xenial autor granadino escrita nunha lingua diferente ao castelán.

 

O feito de que Lorca escollera o idioma galego para un poemario é, alén dun histórico agasallo, toda unha declaración de intencións que abonda na concepción experimental e arriscada das artes.

 

Lorca Namorado leva toques de xota, soleá, bulería e muiñeira vella. Un arrolo e unha balada-jazz completan os climas do espectáculo. Un pé na tradición galega, outro no flamenco e as mans no jazz, que sabe hibridar porque naceu grandiosamente impuro.

 

O proxecto presenta cancións a partir dos 6 Poemas Galegos, querendo respectar o ritmo delicioso que conecta cada verso cun toque propio de foliada ou de tablao. As melodías e contido harmónico xurdiron dun longo proceso creativo, o que leva saborear cada palabra deitada coas outras palabras do poemario.

 

 

 

Hai 5 cancións solistas para as cinco voces masculinas dos talentosos Salvador Sobral, Arcángel, Davide Salvado, Kiki Morente e Marcelo do Bode (dúas voces flamencas, dúas tradicionais galegas e unha de jazz). A última das pezas, adicada a Rosalía de Castro, leva as tres tradicións vocais mesturadas. Nos retrousos, o protagonismo é para 3 voces femininas: as marabillosas Lilaina.

Os instrumentistas foron escollidos pola súa apertura de miras estilísticas e polo xenuíno do seu son. Enrique Rodríguez é o trompetista flamenco por excelencia nestes momentos; Pablo Castaño, tras parte da súa biografía en New York investiga na actualidade a sonoridade do Alalá no saxo alto; Yago Santos toca a guitarra flamenca coma os anxos e ten o ouvido sempre aberto a outras músicas; Pablo Martín Caminero ataca o contrabaixo barroco, flamenco, jazzístico ou experimental coa mesma exquisita sensibilidade; Naíma Acuña é unha factoría de groove e de tempo equilibrado; e Moisés Fernández ten un poderoso soniquete no caixón flamenco. Miguel Rodríguez (bailador) e Isaías Salazar (bailaor), fan cadansúa peza. Tamén abordan xuntos o ecuador do espectáculo: un Romance adorado por Lorca (o de Santa Irene), convertido acó no “Romance de Santo Amaro”. Este tema conforma un Interludio cantado polas Lilaina con toque de pandeiretas, caixón flamenco e batería para acompañar o baile.

 

Lorca Namorado pecha coa grande Susana Seivane na gaita. Interpreta unha peza escrita a partir de toques tradicionais do Entroido de Viana do Bolo, unha das expresións culturais máis xenuínas de Galicia.

 

A viodeocreadora Laura Iturralde fai intervencións en tempo real durante varias pezas do espectáculo. E o fabuloso Quico Cadaval está a cargo da dirección escénica.

 

 Abe Rábade elaborou este proxecto

tras un ano de proceso creativo

entre as cidades de Santiago de Compostela e Sevilla.

 

 

“Os símbolos todos son teas tupidas,
bandeiras sen aire nin luz que as camiñe.
É daquela o lume quen fai que se abrasen
en agarimos que cortan a pel.
E se cadra a auga (sempre a auga)
os acabe limpando
coa terra anovada dun eido remoto
que arrastrou o río dicindo de paso:
o esencial só pode ser impuro.”

Abe Rábade, maio de 2019