COMPARTIR

Javier Otero é un dos mellores pianistas que coñezo. Admiro o seu amplo espectro de movementos precisos para conseguir os sons desexados no instrumento. Tocamos a dúo desde hai xa varios anos, e sempre supón para min unha fonda inspiración (asociada habitualmente a un reto!) preparar con el un programa.

 

As “Variations Hemiónes” están escritas tomando como punto de partida a terceira peza da célebre suite de Camille Saint-Säens “O Carnaval dos Animais”. O orixinal está en 4/4. Javier Otero e eu tivemos ocasión de tocar boa parte da suite no Piano Meeting que Javier dirixe en Ourense, na súa edición de 2018. Naquela ocasión decidimos abrir seccións da obra para improvisar, procurando xa un enfoque desenfadado. Para esta versión pensei en manter intacta a “bachiana” progresión harmónica e alterar, iso si, os grupos rítmicos do orixinal (escrito en 4/4).  Explorei un abano de grupos rítmicos irregulares, buscando crear unha sensación exótica coa que non se perdera o carácter trepidante da peza. Así conséguense dous planos dinámicos diferenciados por esas acentuacións caprichosas. Os novos compases son, en orde: 20/16, 18/16, 22/16, 20/16, 14/16, 18/16 e 12/16.

 

Unha vez tiven esta nova plataforma rítmica, compuxen variacións e deixeille ocos a Javier para compor as súas. El preparou 3 variacións que son pura fantasía!

 

Xa teño ganas de que toquemos isto ao vivo…

 

 


COMPARTIR