COMPARTIR

 

A continuación, algunhas das críticas aparecidas nos medios en relación ao lanzamento do último disco de A.R.T., SORTE e das súas presentacións en directo:

 

NA DANN

O medio alemán fala de SORTE nestes termos: “Para terminar, tamén esta semana, un pouco de jazz verdadeiro. “Sorte”, o novo disco do ABE RÁBADE TRÍO, traduce o significado múltiple do título a posibles analoxías musicais. Neste conxunto “clásico” de piano, baixo e batería, os tres improvisan maiormente dentro de transcursos harmónicos predeterminados. 12 temas, organizados en grupos de 3 e titulados segundo as asociacións subxectivas dos músicos. En consecuencia, os títulos están claramente guiados pola emoción, nutríndose -entre momentos de música clásica, minimalismo, influencias da terra natal galega e do jazz moderno ata libre- dun fondo aparentemente moi grande de experiencias persoais. Aínda que o epónimo compuxo todas as pezas, non está en absoluto no centro destes sons excepcionais. Se este combo viñera ao norte de Europa, tería unha presencia permanente, ao menos nos medios especializados. A descubrilo!”.

 

DEUTSCHLAND RADIO

Katrin Wilke, de Deutschlandradio, falou con Abe Rábade sobre o seu último traballo.

 

UN DISCO AL DÍA

Crítica de Fernando Neira en Un disco al día: “Fai xusto un par de décadas, cando algún dos principais oráculos da crítica jazzística en España tivo entre as súas mans un exemplar de Babel de sons (2001), estrea en solitario do xove Abe Rábade, xa puido avisar a quen tivemos a sorte de escoitalo: debemos memorizar de inmediato este nome. Sorte constitúe, 20 tempadas máis tarde, o decimocuarto álbum rubricado polo pianista e compositor compostelán, e corrobora a pertinencia daquel aviso para exploradores sonoros. Abe é, xa sen marxe para a dúbida, un dos grandes da escea peninsular e europea”.

 

CODALARIO

Juan Carlos Justiniano, pola súa parte, destacou na súa crítica do concerto do 20 de febreiro no Auditorio Nacional de Madrid para a revista de música Codalario, que “o máis destacable da obra de Abe Rábade é a labor formal, o traballado desenvolvemento motívico e a súa convivencia dunha maneira moi natural con momentos máis abertamente improvisados. Porque a música do pianista se segue comprendendo dentro dos termos do jazz, pero dun jazz moderno que bebe de músicas que teñen resonancias tanto no góspel como na tradición jazzística e o folclore galego. E isto é algo orixinal. Porque sempre que o jazz se mira desde o español parece que só poida facerse recurrindo a tópicos do exotismo periférico. Por moda, por tirón comercial, por complexo histórico ou quizais simplemente por querencia á terra, parece que non hai vida máis aló da bulería, o bolero e a canción para o jazz español. Pero no caso de Rábade se conxura este clixé”.

 

MÁS JAZZ DIGITAL

Juan Ramón Rodríguez escribiu en Más Jazz Digital que “a carreira do prolífico compositor volve recalar no formato de trío a través de Sorte xunto aos habituais compañeiros de viaxe -Pablo Martín Caminero ao baixo e Bruno Pedroso á batería- e entrega aos brazos do destino doce composicións á calor dunha estudada continxencia. A fórmula, se ben non é novidosa na recuperación de trazos de folclore e corpos de salientable elegancia, volve deleitar coa súa sinxela posta en escea. Un disco sentido e versado na levidade do momento, algo inevitable á par que estimulante estes días”.

 

DIARIO CRÍTICO

Emilio Martínez firma en Diario Crítico uhna crítica titulada “A enorme ‘Sorte’ de desfrutar co novo disco do gran pianista e creador Abe Rábade” na que comenta: “Grande entre os grandes, Primus inter pares. Abe Rábade suma á súa xa longa colección de servizo á música en xeral e ao jazz en particular un novo disco, o 15º da súa vasta traxectoria. Titúlao ‘Sorte’, consta dun total de doce composicións súas e ten o denominador común do seu estilo co seu habitual e inconfundible selo e bitola propios. Ademais, acompáñano outros dous grandes do jazz, Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería. De modo que teremos a ‘sorte’ de desfrutar do trío na presentación oficial do novo álbum, editado por Nuba Records, este próximo sábado 20 no Auditorio Nacional de Música”.

 

EL GIRADISCOS

Txema Mañeru explicou nas súas impresións sobre SORTE para El Giradiscos que “a música de Rábade viaxa ademais do jazz clásico ao Bill Evans ata o máis moderno de Brad Mehldau, pero non ten medo a engadirlle detalles de blues e de música clásica. Tamén, por suposto, e neste ‘Sorte’ (Nuba Records / Karonte) aínda máis, os aromas e sons da música folk tradicional galega”.

 

DISTRITO JAZZ

Segundo publicou I. Ortega en Distritojazz, “este ‘Sorte’ é un disco conceptual cheo de boa música que non desentona na carreira de Abe Rábade e a súa xente”.

 

LA NUEVA ESPAÑA

Gonzalo García-Conde tamén tivo unhas palabras para La Nueva España sobre SORTE.

 

 

Entrevistas:

 

 

 

Outras aparicións en prensa:

 

Onda Fuenlabrada, El Correo Gallego e Staff Magazine fixéronse eco do lanzamento de SORTE. O novo disco de A.R.T. tamén pechou o programa “A Revista” da TVG.

 

Aparicións en La Voz de Galicia, Compostela Cultura e El Español con motivo do concerto do 24 de febreiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

 

Más Jazz Digital publicou unha nova sobre o concerto de presentación do novo disco de A.R.T. do 2 de abril no Menorca Jazz Festival e a Axencia EFE, unha crónica deste concerto ante 160 espectadores (aforo máximo permitido). IB3, pola súa parte, fixo unha peza no informativo e El Diario.es e Crónica Balear tamén informaron sobre o tema.

 

Plataforma Jazz ofreceu unha nova sobre o Festival Jazz Palma 2021, que será clausurado cunha actuación do Abe Rábade Trío, e o Diario de Cádiz falou da próxima actuación do A.R.T. o 23 de xullo na cidade.

 

Fotos: Destacada e plano xeral, Afonso Sestelo. Primeiro plano, Javier Sáenz.

 


COMPARTIR