Abe Rábade Trío

Abe Rábade TríoAbe Rábade Trío

A banda está formada na actualidade por:
Abe Rábade, piano e composición
Pablo Martín Caminero, contrabaixo
Bruno Pedroso, batería

Primeiro período

Abe Rábade Trío foi fundado en 1996 en Boston (EEUU). Este primeiro trío estaba formado polo galego Paco Charlín ao contrabaixo e o búlgaro Val Tzenkov na batería. Esta época foi moi rica en sesións de gravación e recitais no contexto do Berklee College of Music. Unha parte importante das composicións que verán a luz máis tarde en forma de disco foron escritas e ensambladas neste período.

Premio en Getxo, Babel de Sons e Simetrías

En 2000 a banda aséntase en Galiza. Recibe este ano o 2º Premio no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (Euskadi). O directo desa noite conforma o debut discográfico do trío: Babel de Sons (2001) con Paco Charlín no contrabaixo e Ramón Ángel Rey na batería, nova sección rítmica que se manterá ata finais de 2004.

En 2002, o grupo lanza o seu segundo traballo discográfico, Simetrías, que foi presentado no Festival de Jazz Plaza de La Habana (Cuba).

Entre as numerosísimas actuacións do Abe Rábade Trío neste período cómpre destacar a súa participación nos seguintes Festivais de Jazz: Plaza de La Habana -edición 2002 (Cuba), Tánxer (Marrocos), San Sebastián e Getxo (Euskadi); Ibiza e Mallorca (Illes Balears), San Isidro, Xornadas UNED e Boadilla del Monte (Madrid), Gijón e Mieres (Asturias), Málaga (Andalucía), Granollers (Catalunya) e Lugo, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Baiona (Galiza).

O grupo participou activamente da programación de salas de renome como as seguintes: Café Central (Madrid), Café Latino (Ourense), Jamboree (Barcelona), Nova Jazz Cava (Terrassa), Café España (Valladolid), Manteca Jazz (Vigo) ou Dado Dadá Jazz Club (Santiago de Compostela).

O Abe Rábade Trío será tamén a partir desta época a base rítmica para o GHU! Project, un proxecto de colaboración con destacados solistas do panorama jazzístico como Chris Kase, Jesús Santandreu ou Michel González. Este concepto mantense ata a actualidade coa participación de intérpretes como Miguel Zenón, Perico Sambeat, Alan Ferber ou Toni Belenguer.

Playing on Light

No 2006 ve a luz o disco Playing on Light, con Paco Charlín no contrabaixo e o novo baterista da formación: o portugués Bruno Pedroso. A revista Cuadernos de Jazz elixiu este traballo discográfico como Mellor Disco de Jazz en España 2006.

A finais do 2006 incorpórase ao Abe Rábade Trío o contrabaixista portugués Nelson Cascais.

Cómpre destacar a participación do trío en prestixiosas salas como o Hot Clube (Lisboa) ou Calle 54, Boguie e Berlín Jazz Café (Madrid) e en Festivais de Jazz como os seguintes: Plaza de La Habana -edición 2008 (Cuba), Madeira e Estarreja (Portugal), Parla, Universidade Politécnica e Ciudad Lineal (Madrid), Jaca (Aragón), Jaén (Andalucía), Imaxinasons_Vigo e Allariz (Galiza).

O Abe Rábade Trío foi o encargado de compoñer e interpretar música orixinal para a proxección de cine mudo galego Pioneiros do Cinema promovida polo Centro Galego de Artes da Imaxe no Teatro Principal de Santiago en Xaneiro de 2007.

O grupo tamén participou na gravación en directo para a TVG de dous eventos: a Conmemoración do XXV Aniversario do Parlamento de Galicia no Auditorio Caixanova de Pontevedra en 2006 e a Gala de Entrega de Premios da Comunicación no Gran Hotel de A Toxa en 2008.

A banda gravou tamén nas produccións discográficas de 2008 Rosalía 21 (encargo para a Feira do Libro de La Habana -Cuba) e Aloumiños de Seda (encargo para a campaña Xeración e logo da Dirección Xeral de Política Lingüística).

Abe Rábade Trío na actualidade

Desde o ano 2008 a sección rítmica do grupo está formada por Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería).

Cómpre destacar a presentación da obra O Movemento dos Soños na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela en Febreiro de 2009.

En 2010 publícase o álbum Zigurat (Karonte Records). Confórmano 6 composicións orixinais e unha versión da Chanson num.6 de Federico Mompou. Zigurat presentouse nas seguintes cidades: Berlín, Santiago de Chile, A Coruña, Santiago de Compostela, Ciudad Real, Madrid, Ourense, Vigo e Oviedo.

En Abril de 2012 Abe Rábade Trío edita o seu novo álbum: “A Modo”.

GHU! Project

GHU! ProjectGHU! Project

O Abe Rábade GHU! Project é unha banda que xorde no ano 2001 co afán de traballar con unha plantilla instrumental ampla (quinteto, sexteto ou septeto de jazz) e profundizar en composicións e arranxos onde a variedade tímbrica e o contrapunto son factores esenciais.

A primeira entrega do proxecto foi o GHU! Project vol.1, disco gravado en 2002, aínda que non sería editado ata 2004 por Karonte. Neste disco participaron Chris Kase (trompeta e fliscorno), Jesús Santandreu (saxo tenor), Michel González (guitarra), Abe Rábade (piano), Paco Charlín (contrabaixo) e Ramón Ángel Rey (batería).

Con motivo do Xacobeo 2004, a banda ofreceu un concerto especial en Mondoñedo (Lugo) interpretando Cantigas Suite (unha adaptación de Cantigas medievais do século XIII a un contexto jazzístico).

O segundo traballo discográfico do GHU! Project é Open Doors (2008), onde a formación se amplía a un septeto con Chris Kase (trompeta e fliscorno), Perico Sambeat (saxo alto), Jesús Santandreu (saxo tenor), Alan Ferber (trombón), Abe Rábade (piano), Nelson Cascais (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería).

En marzo de 2009 ve a luz Open Doors Live in Santiago, un DVD que recolle o directo na capital de Galiza.

O repertorio da banda está formado por composicións orixinais de Abe Rábade que esteticamente abordan unha ampla gama de tendencias jazzísticas: o hard bop máis enerxético, o carácter lírico en baladas e tempos medios, a experimentación rítmica e o respeto sempre presente pola tradición máis ortodoxa do jazz.

Seminario Permanente de Jazz

SPJSeminario Permanente de Jazz

O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra foi creado no ano 2000 por Luís Carballo, Paco Charlín e Abe Rábade. Leva anos sendo o referente deste estilo musical en Galiza. O colectivo traballa sobre dous pilares básicos: a formación de futuros músicos e a dinamización deste estilo na sociedade por medio de ciclos de jazz, concertos didácticos para escolares ou a edición de traballos discográficos.

O curso académico no SPJ vai de Outubro a Xuño. O seu obxetivo principal é dotar a todos os músicos participantes daqueles materiais teóricos e fundamentalmente prácticos que potencien ao máximo a súa formación como improvisadores e intérpretes de jazz. O traballo está centrado pois no terreo da interpretación, repertorio, improvisación e ensamblaxe. Ademais das clases de tipo práctico, traballáse a composición, harmonia, arranxos, e historia para potenciar ao máximo os coñecementos do alumnado en materia de jazz.

Máis información e inscrición en pontejazz.org

AZOS jazz

AZOS jazzAZOS jazz

AZOS é unha aposta polo jazz vencellado a Galiza. Este selo discográfico nace para apostar polos novos valores deste xénero no país e para dar conta das colaboracións artísticas entre jazzistas de calquera parte do mundo que teñan Galiza como lugar de encontro.

“Jazz” implica forzosamente unha concepción aberta das influenzas, procedenzas e destinos da música e dos músicos: AZOS quere ser unha fiestra sen límites ao mundo desde unha óptica galega.

AZOS é un proxecto de Abe Rábade e Sergio Lago (Falcatruada)
AZOS distribúeo en cd Karonte e en dixital Lonxa Cultural

AZOSjazz.com