GHU! Project

GHU! ProjectGHU! Project

O Abe Rábade GHU! Project é unha banda que xorde no ano 2001 co afán de traballar con unha plantilla instrumental ampla (quinteto, sexteto ou septeto de jazz) e profundizar en composicións e arranxos onde a variedade tímbrica e o contrapunto son factores esenciais.

A primeira entrega do proxecto foi o GHU! Project vol.1, disco gravado en 2002, aínda que non sería editado ata 2004 por Karonte. Neste disco participaron Chris Kase (trompeta e fliscorno), Jesús Santandreu (saxo tenor), Michel González (guitarra), Abe Rábade (piano), Paco Charlín (contrabaixo) e Ramón Ángel Rey (batería).

Con motivo do Xacobeo 2004, a banda ofreceu un concerto especial en Mondoñedo (Lugo) interpretando Cantigas Suite (unha adaptación de Cantigas medievais do século XIII a un contexto jazzístico).

O segundo traballo discográfico do GHU! Project é Open Doors (2008), onde a formación se amplía a un septeto con Chris Kase (trompeta e fliscorno), Perico Sambeat (saxo alto), Jesús Santandreu (saxo tenor), Alan Ferber (trombón), Abe Rábade (piano), Nelson Cascais (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería).

En marzo de 2009 ve a luz Open Doors Live in Santiago, un DVD que recolle o directo na capital de Galiza.

O repertorio da banda está formado por composicións orixinais de Abe Rábade que esteticamente abordan unha ampla gama de tendencias jazzísticas: o hard bop máis enerxético, o carácter lírico en baladas e tempos medios, a experimentación rítmica e o respeto sempre presente pola tradición máis ortodoxa do jazz.

Deixa un comentario