Marzo 13, 2007
Collage

Un pianista soñaba ser un home libre. Ergueuse e non sabía se era un pianista que soñara ser un home libre ou un home libre soñando ser un pianista (porque o número 88 é demasiado retorto como para non enganarte e ten demasiadas curvas como para deixarte tranquilo, coma neste plaxio do soño de Chuang-Tzu).
Os músicos xogamos con lume, ás veces sen sabelo. A música é forma, a máxima aspiración das artes. O son non se ve nin se toca nin se ule nin se posúe, é inmaterial, pero ten forma e……conmove o espírito, (conmove o espírito?) O músico, eterno aspirante a bruxo, afánase na busca do conxuro invisible e intocable. Outros xa o fixeron. A paixón fai nova a vella medicina.
Pero a música ten moito de código. Chega a enredarte e a enganarte con crípticas verdades cientifistas que xa non son do aire, que xa non son das almas. Parece que aínda hai crise e o mestre segue a ter razón:
“A arte segue polo camiño do “como”, especialízase, só é comprensible ós mesmos artistas, que comezan a queixarse da indiferencia do espectador cara as súas obras. Como nestas épocas o artista non precisa dicir moito e resalta e sobresae por un mínimo de “diferencia” que aprecian determinados círculos de mecenas e coñecedores ( o que pode traer consigo grandes beneficios materiais!! ), un grande número de persoas superficialmente dotadas e hábiles lánzanse sobre a arte que aparentemente se conquista con tanta facilidade. En cada “centro cultural” viven miles e miles destes artistas, dos que a maioría non busca máis que un novo xeito de crear millóns de obras de arte sen entusiasmo, co corazón frío e a alma durmida.”
-Vasili Kandinsky-

En Berklee College (Boston), había 100 cabinas para estudiar piano, sempre ocupadas. Estaban na mesma planta e tiñan escasa insonorización. O resultado sonoro era a obra máis “aleatoria”, “creativa” e “novedosa” nunca escoitada: 88.000 teclas en movemento provocando CAOS. Atravesando aquel corredor decateime de que a “orixinalidade” era un valor á baixa nisto das artes.
Tódolos pianistas que practicabamos alí habitualmente, tapabamos cos abrigos a estreita ventá de cada cabina por aquelo da vergoña a tocar mal e ser visto (xa che digo….) Iso sí, cando un tiña a seguridade de poder interpretar algo con solidez, axiña buscaba un deses cuartos moi visibles, con amplas vidreiras que ás veces quedaban abertos por despiste dos bedeis. Aquelo supuña abrir a túa música, amosala, deixar de lado o escurantismo das cabinas.
Recordo un día no que me colei nunha desas luminosas aulas para tocar Hallucinations de Bud Powell. Estivera preparando unha versión a stride-piano que me costara moito traballo. Levaba 2 ou 3 coros de tema cando apareceu Jane, a bedel máis temible e estricta de toda a Berklee. Achegouse ó piano e berroume que naquelas aulas non se podía tocar, que estaba prohibidísimo, que xa o sabía de sobra e que….pero algo había no tema de Bud Powell (espero) que lle fixo baixa-lo ton de voz e nun piano súbito díxome que seguira tocando. Recordo interpreta-lo final máis tembloroso de Hallucinations para os oídos de Jane (máis coñecida como a sarxento do front-desk) e vislumbrar un sorriso naquela desaborida cara.
A música ten estas cousas, un poder que se nos escapa ós que a tocamos, un poder que aspiramos a conquistar por sabermos que está relacionado directamente cunha ampla gama de emocións e sentimentos.
Ogallá foramos magos.
Ogallá os destructores de pobos e persoas puidesen tocar a Aria das Variacións Goldberg de Bach, só ata a primeira
cadencia, calcando a última versión de Glenn Gould. Creo que algo mudaría.

Ogallá todos imitaran os desgarros de Camarón,

os choros de John Coltrane en visceral lirismo,

que todos asistiran á primavera de Bill Evans.

No fondo e na forma. E sería todo distinto? Un quere pensar que sí.
Poñerlle precio a un concerto é surrealista. Teño un amigo mago que deixaría o ilusionismo se cobrara por facelo. Igual ten razón. Tocas 7 temas, divides o caché por selección e vas calculando cantos euros custa cada frase dos teus solos. Visto así, parece un reloxio brando de Dalí. Os cartos, ai! os cartos.
Pero tocar vale a pena, anque algunhas cousas non cheguen a ter explicación ou algúns acontecementos cho fagan pasar mal ás veces, recordándoche o clasista que é esta sociedade ou o moito que algunha xente se aburre (a figura do temible ocioso): “analistas” con afán de protagonismo que falan (mal) das persoas e non da música nas críticas discográficas; e demais obscenidades en forma de condena….
Con todo, esta arte profesional ou profesión artística (quen sabe) é un camiño bastante agradable,
AQUILES: E hai unha meta?
TARTARUGA: A meta é o proceso.

Piano? Música?
98%___________MAXIA
2%___________TRABALLO
Un soamente pode (e debe) responsabilizarse do traballo e do estudio, proceso purificador, ás veces costa arriba, pero sempre necesario.
En certa ocasión, un xornalista ocioso preguntoulle a Picasso:
Vostede espera a Inspiración para crear?
El contestoulle:
-Non teño o pracer de coñecer a esa dama, pero cando veña polo estudio, seguro que me atopa traballando.
Filed by Abe at 11:18 pm under De re varia
1888 Comments