As datas de Nordestin@s neste mes de Marzo son:
21/3/2007 Pazo de Cultura de Pontevedra
23/3/2007 Boiro
30/3/2007 Lalín

Escribín isto sobre elas para o disco:
Costa Norte, Costa Norte
ben te podes alabare,
Santiago con ser Santiago
non ten un porto de mare.
Con esta cobizosa copliña remata o repertorio actual de Nordestin@s, proxecto musical que teño a honra de compartir con Guadi Galego e Ugía Pedreira. Cedeira e Foz vacilan a un pianista do interior.
Houbo quen dixo que un é do lugar no que ama. A GU e a UG aman o mar e as dúas son Acuario…..
Tamén oín por aí que a Guadi lle ten medo ao mar. Pero o medo é o amor famento, e posiblemente por iso cante ela coa elegancia temperada coa que só as valentes encaran a adversidade.
A Uxía ten aquela forza arrebatadora dunha praia do Norte. Sempre me gustou pensar que a grafía desa praia lucense era Jazz….
Elas son forzas opostas que complementan o rexistro das súas voces con unísonos á octava ou harmonías traballadas na marea baixa.
Guadi ten un timbre agudo e nobre.
Uxía ten unha voz grave e moi expresiva.
Elas son chaves mestras para abrirnos a vía da intuición (aquel camiño polo que transita a boa música).
O trinomio mar-amor-morte está sempre presente..
Recordo a mensaxe de voz, coa Ugía toda rufa falando decidida daquel proxecto que querían emprender conmigo (a Guadi ría por detrás pasmada polo aplomo de Pedreira ao aparato). Cando oín o buzón de voz pensei que igual era hora de tentar facer algo que tan perigoso me parecía nun principio como compacto me parece hoxe. Música vocal….. tradición mariñeira….. harmonía de jazz…..
Xa dixera o alemán apaixonado que Todas as formas, sabéndoas mirar, son fermosas.
Xa dixera a fotógrafa que o amor implica unha peculiar e insondable mistura de comprensión e incomprensión.