É moita a distancia que nos separa á xente con certas responsabilidades á hora de promover o jazz neste país. Acabo de recibir o programa (cuatriplicado, por certo, menos mal que na casa se recicla…) do ciclo de jazz de Barrié de La Maza na Coruña e Vigo para este 2007. Eu podo entender a querencia polas primeiras figuras da escena jazzística internacional por parte da organización. É máis, atopo realmente interesante a aposta por xente tan sólida como Payton, Bridgewater ou Lonnie Smith. Pero o que me indigna poderosamente é a non presencia de absolutamente ningún nome en cartel de músicos de Galiza. Estamos en Galiza, señores!! A única referencia ós músicos galegos aparece o día 26 de Abril co seguinte texto (sic.): incluirá una jam session con músicos gallegos. Vaia, os restos do cocido sen sequera nomear os garbanzos que quedan para a noite. É un insulto en toda regra.

O momento actual do jazz neste país permite outro tipo de programación. Hoxe asistimos a unha morea de lanzamentos discográficos anualmente. Non hai excusa. Por se fose pouco hai unha canteira impresionante de talentos que se están a formar en Galiza. Ten moito delito que habendo jazzistas como Paco Charlín, Ramón Ángel, Manolo Gutiérrez, Santi Quintáns, Max Gómez, Xacobe Martínez, Roberto Somoza, Baldo Martínez, Virxilio da Silva, Pablo Castaño, Carlos López e un longuísimo etcétera, non se inclúa ningunha das súas propostas nunha programación deste tipo. Como dicía o outro, quen teña oídos para oír que oia!!