BIOGRAFÍA

Abe Rábade nace en Santiago de Compostela en 1977. É o fillo máis novo dos escritores Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro e irmán da tamén escritora María do Cebreiro. Comezou a súa formación musical aos 4 anos de idade na súa cidade natal. Estudou no Conservatorio de Santiago e en Estudio escola de música. Na súa xuventude trasladouse a EEUU onde perfeccionou os seus estudos e obtén unha licenciatura Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston). En 2000 fixou a súa residencia en Santiago de Compostela.

Pianista, compositor e docente, lidera o seu trío acústico desde 1996. Babel de Sons (2001) é o seu primeiro álbum (con Paco Charlín no contrabaixo e Ramón Ángel na batería), un directo que recolle a actuación galardoada co 2º premio do Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (Euskadi). Nese mesmo ano, é galardoado co Premio Tete Montoliú ao Pianista Revelación en España da SGAE. Simetrías (2002), o seu segundo traballo discográfico coa mesma sección rítmica, preséntase no Festival de Jazz Plaza de La Habana (Cuba).

Artista para Karonte Records desde 2004, editou nese ano o GHU! Project vol.1, no que participaron Chris Kase (trompeta), Jesús Santandreu (saxo tenor), Michel González (guitarra), Paco Charlín (contrabaixo) e Ramón Ángel (batería).

Con motivo do Xacobeo 2004, presentou en Galiza a obra Cantigas Jazz Suite, unha adaptación de cantigas medievais galegas do século XIII a un contexto contemporáneo -proxecto a sexteto coa participación especial da cantante portuguesa Mísia.

Desde 2005 coordina as jam sessions semanais do Dado Dadá Jazz Club de Santiago de Compostela.

En 2006 publicou a producción a trío Playing on Light -7 sounding photos- (con Paco Charlín no contrabaixo e Bruno Pedroso na batería), un traballo programático onde se musican sete fotografías en branco e negro de autores como Ralph Gibson, Dona Ferrato ou Mitsuaki Iwago. A crítica alabou este último traballo elixíndoo como Mellor Disco de Jazz en España de 2006 (Cuadernos de Jazz).

Xunto ás vocalistas Guadi Galego e Uxía Pedreira formou a banda Nordestin@s en 2005, baseada nunha actualización da música popular de Galiza. O seu primeiro disco (Nordestin@s, na compañía Falcatruada) foi dos 100 máis vendidos en España en Xaneiro de 2007. Nordestin@s tamén gañou o 1º premio na VI Edición dos Premios La Opinión de Música Galega.

Desde o ano 2006 é o director musical do grupo Eivissa Jazz Experience, unha producción propia do Festival de Jazz de Eivissa. A banda proposta é diferente en cada edición. Músicos como Perico Sambeat, Jesús Santandreu, Víctor de Diego, Guim García Balasch, Kike Perdomo, Toni Belenguer, Alexis Cuadrado, Pablo Martín, Marc Ayza, Marc Miralta ou Joaquín Chacón formaron parte do proxecto nas súas últimas edicións. Asemade, Abe Rábade é o autor da sintonía oficial do Eivissa Jazz.

En Febreiro de 2007 concedéuselle o Premio Aula X ao Mellor Solo nas X Xornadas sobre Jazz da UNED (Melilla).

En 2008 formou parte do proxecto dirixido polo poeta Anxo Angueira e produce musicalmente o álbum Rosalía 21(Falcatruada), unha revisión en clave contemporánea da poeta nacional de Galiza Rosalía de Castro. O traballo foi presentado na Feira Internacional do Libro de La Habana (Cuba). Neste mesmo ano edita o disco Aloumiños de Seda, un encargo da Dirección Xeral de Política Lingüística (Xunta de Galicia).

O seu máis recente traballo con banda é o álbum Open Doors (2008, en Karonte Records), a segunda entrega do GHU! Project nun formato a Septeto con Chris Kase (trompeta), Perico Sambeat (saxo alto), Jesús Santandreu (saxo tenor), Alan Ferber (trombón), Nelson Cascais (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). O disco está ilustrado polo artista compostelán Deli Sánchez. Acadou o 2º posto na votación dos Premis Jaç 09 na categoría de Mellor Disco Internacional -Revista Jaç (Catalunya).

En Xuño de 2008 produciu artisticamente o álbum Sound Colors de Jesús Santandreu (Fresh Sound New Talent).

Xunto ao ilusionista Kiko Pastur estreou a fins de 2008 o espectáculo Jazzia -unha síntese de Maxia e Jazz con música orixinal para piano solo contida no álbum de producción propia Jazzia. En Febreiro de 2009 a Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago encoméndalle unha obra orixinal co gallo do Ano Rodríguez Cadarso. A obra leva por título O movemento dos Soños. Integrando estas dúas produccións pianísticas no seu contido (Jazzia e O movemento dos Soños), en Maio de 2009 ve a luz o disco Abe Rábade Piano Solo (Karonte Records).

O produtor e baterista portugués Mário Barreiros encargoulle en 2009 os arranxos e a dirección musical de Kind Steps -O Legado de 1959-, un proxecto que rende tributo a 6 xoias discográficas de 1959 entre as que se atopan evidentemente Kind of Blue de Miles Davis e Giant Steps de John Coltrane. O grupo está formado por Avishai Cohen (trompeta), Ben Van Gelder e Perico Sambeat (saxo alto), Jesús Santandreu (saxo tenor), Abe Rábade (piano), Carlos Barretto (contrabaixo) e Mário Barreiros (batería).

En 2009 tamén tocou co lendario baterista Bill Goodwin nun formato a cuarteto con Adam Niewood ao saxo tenor e Paco Charlín ao contrabaixo. Nese mesmo ano grava piano no disco de Kurt Rosenwinkel coa Orquestra de Jazz de Matosinhos en Gaia (Portugal).

En Novembro de 2009 publica Open Doors Live (Karonte), un DVD ao vivo que recolle a actuación do Abe Rábade Septeto no Teatro Principal de Compostela. Neste mesmo mes recibe o "Premio Cunca das Artes" na especialidade de Música da Asociación de Amizade das Artes Galego Portuguesas.

No plano docente Abe Rábade foi o mestre representante de Estudio escola de música (Santiago) nos encontros anuais da International Association of Schools of Jazz (IASJ) celebrados en Boston (2001) e Helsinki (2002). Desde o ano 2000 é director artístico do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ) xunto a Paco Charlín. Ten participado activamente en Seminarios Internacionais de Jazz como os celebrados en Tavira (Algarve, Portugal) ou no Palau da Música (Valencia). En 2009 incorpórase ao corpo docente da ESMAE (Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo) en Porto (Portugal).

Colaborou en directos e gravacións cos saxofonistas Jesús Santandreu, Miguel Zenón, Bob Mintzer, Jeff Harrington, Perico Sambeat, John O'Gallagher, Jorge Pardo, Guim García Balasch, Ben Van Gelder, Adam Niewood, Vicente Macián e Víctor de Diego; os trompetistas Chris Kase, Mike Philip Mossman, Avishai Cohen e Raynald Colom; os trombonistas Alan Ferber, Toni Belenguer e Carlos Martín; os guitarristas Kurt Rosenwinkel, Nuno Ferreira, Michel González, Mark White, Miquel Casany e Virxilio da Silva; o harmonicista Antonio Serrano; o vibrafonista Arturo Serra; as vocalistas Sinne E, Claudia Acuña, Deborah Carter, Joana Machado, Mísia, Guadi Galego e Ugía Pedreira; os contrabaixistas Pablo Martín, Nelson Cascais, Carlos Barretto, Alexis Cuadrado, Paco Charlín, Tom Warburton, Zé Eduardo, Matt Baker e Horacio Fumero; os bateristas Bruno Pedroso, Terri Lyne Carrington, Bill Goodwin, Jeff Williams, Skip Hadden, Mário Barreiros, Martin Andersen, Marc Miralta, Marc Ayza, Luís Alberto Rodríguez, Andrés Rivas e Ramón Ángel.

Ofrece concertos no ámbito estatal e internacional, destacando os principais Festivais do estado español, así como concertos en París e Toulouse (Francia), Berlín, Munich e Kiel (Alemaña), Lausanne (Suíza), Porto, Lisboa e Madeira (Portugal), Tánxer (Marrocos), Boston (USA), Birmingham (UK), La Habana (Cuba), Helsinki (Finlandia), Salvador de Bahía (Brasil), entre outros.


DISCOGRAFíA E VIDEOGRAFÍA


LÍDER E CO-LÍDER:

Babel de Sons, 2001 (Xingra)
Simetrías, 2002 (Xingra)
GHU! Project vol.1, 2004 (Nuba + Karonte Records)
Playing on Light –7 sounding photos, 2006 (Nuba + Karonte Records)
Nordestin@s, 2006 (Falcatruada)
Rosalía 21, 2008 (Falcatruada)
Open Doors (GHU! Project vol.2, 2008 (Nuba + Karonte Records)
Jazzia, 2008 (Producción Propia)
Aloumiños de Seda, 2008 (Xeración e Logo)
Abe Rábade Piano Solo, 2009 (Nuba + Karonte Records)
Open Doors Live [DVD], 2009 (Nuba + Karonte Records)

COMPOSITOR E ARRANXISTA:

A Canary Man in Boston -René González Big band-, 2003 (+ Ná)
May’s Idea –Ten Jazz Men-, 2007 (Free Code)

COLABORACIÓNS:

Wes Montgomery Revisited -Miquel Casany-, 2005 (Sedajazz)
Out of the Cage –Jesús Santandreu Quartet-, 2007 (Fresh Sound)
Jazz in Galiza Series vol.1 –J. O’Gallagher, P. Charlín, J. Williams-, 2007 (Free Code)
Scketches of Groove -Raynald Colom-, 2007 (Fresh Sound New Talent)
Manual del Tiempo Perdido -Animales Domésticos, 2007 (Free Code)
Benzón -Guadi Galego-, 2009 (Músicas de Salitre)

PRODUCTOR ARTÍSTICO:

Sound Colors -Jesús Santandreu-, 2008 (Fresh Sound New Talent)
Introducing Álvaro Vieito -Álvaro Vieito-, 2009 (Azos Jazz)