Abe Rábade Trío

Abe Rábade TríoAbe Rábade Trío

A banda está formada na actualidade por:
Abe Rábade, piano e composición
Pablo Martín Caminero, contrabaixo
Bruno Pedroso, batería

Primeiro período

Abe Rábade Trío foi fundado en 1996 en Boston (EEUU). Este primeiro trío estaba formado polo galego Paco Charlín ao contrabaixo e o búlgaro Val Tzenkov na batería. Esta época foi moi rica en sesións de gravación e recitais no contexto do Berklee College of Music. Unha parte importante das composicións que verán a luz máis tarde en forma de disco foron escritas e ensambladas neste período.

Premio en Getxo, Babel de Sons e Simetrías

En 2000 a banda aséntase en Galiza. Recibe este ano o 2º Premio no Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (Euskadi). O directo desa noite conforma o debut discográfico do trío: Babel de Sons (2001) con Paco Charlín no contrabaixo e Ramón Ángel Rey na batería, nova sección rítmica que se manterá ata finais de 2004.

En 2002, o grupo lanza o seu segundo traballo discográfico, Simetrías, que foi presentado no Festival de Jazz Plaza de La Habana (Cuba).

Entre as numerosísimas actuacións do Abe Rábade Trío neste período cómpre destacar a súa participación nos seguintes Festivais de Jazz: Plaza de La Habana -edición 2002 (Cuba), Tánxer (Marrocos), San Sebastián e Getxo (Euskadi); Ibiza e Mallorca (Illes Balears), San Isidro, Xornadas UNED e Boadilla del Monte (Madrid), Gijón e Mieres (Asturias), Málaga (Andalucía), Granollers (Catalunya) e Lugo, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Baiona (Galiza).

O grupo participou activamente da programación de salas de renome como as seguintes: Café Central (Madrid), Café Latino (Ourense), Jamboree (Barcelona), Nova Jazz Cava (Terrassa), Café España (Valladolid), Manteca Jazz (Vigo) ou Dado Dadá Jazz Club (Santiago de Compostela).

O Abe Rábade Trío será tamén a partir desta época a base rítmica para o GHU! Project, un proxecto de colaboración con destacados solistas do panorama jazzístico como Chris Kase, Jesús Santandreu ou Michel González. Este concepto mantense ata a actualidade coa participación de intérpretes como Miguel Zenón, Perico Sambeat, Alan Ferber ou Toni Belenguer.

Playing on Light

No 2006 ve a luz o disco Playing on Light, con Paco Charlín no contrabaixo e o novo baterista da formación: o portugués Bruno Pedroso. A revista Cuadernos de Jazz elixiu este traballo discográfico como Mellor Disco de Jazz en España 2006.

A finais do 2006 incorpórase ao Abe Rábade Trío o contrabaixista portugués Nelson Cascais.

Cómpre destacar a participación do trío en prestixiosas salas como o Hot Clube (Lisboa) ou Calle 54, Boguie e Berlín Jazz Café (Madrid) e en Festivais de Jazz como os seguintes: Plaza de La Habana -edición 2008 (Cuba), Madeira e Estarreja (Portugal), Parla, Universidade Politécnica e Ciudad Lineal (Madrid), Jaca (Aragón), Jaén (Andalucía), Imaxinasons_Vigo e Allariz (Galiza).

O Abe Rábade Trío foi o encargado de compoñer e interpretar música orixinal para a proxección de cine mudo galego Pioneiros do Cinema promovida polo Centro Galego de Artes da Imaxe no Teatro Principal de Santiago en Xaneiro de 2007.

O grupo tamén participou na gravación en directo para a TVG de dous eventos: a Conmemoración do XXV Aniversario do Parlamento de Galicia no Auditorio Caixanova de Pontevedra en 2006 e a Gala de Entrega de Premios da Comunicación no Gran Hotel de A Toxa en 2008.

A banda gravou tamén nas produccións discográficas de 2008 Rosalía 21 (encargo para a Feira do Libro de La Habana -Cuba) e Aloumiños de Seda (encargo para a campaña Xeración e logo da Dirección Xeral de Política Lingüística).

Abe Rábade Trío na actualidade

Desde o ano 2008 a sección rítmica do grupo está formada por Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería).

Cómpre destacar a presentación da obra O Movemento dos Soños na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela en Febreiro de 2009.

En 2010 publícase o álbum Zigurat (Karonte Records). Confórmano 6 composicións orixinais e unha versión da Chanson num.6 de Federico Mompou. Zigurat presentouse nas seguintes cidades: Berlín, Santiago de Chile, A Coruña, Santiago de Compostela, Ciudad Real, Madrid, Ourense, Vigo e Oviedo.

En Abril de 2012 Abe Rábade Trío edita o seu novo álbum: “A Modo”.

Deixa un comentario